Biografía de Edelmiro Vázquez Naval ·· En galego ··

 


Edelmiro Vázquez Naval nace en Toubes (A Peroxa, Ourense), en 1949. Licénciase en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela. A partir de 1979 exerce a docencia no Instituto Otero Pedrayo de Ourense e, durante oito anos, no Campus Universitario de Ourense.
 
Vázquez Naval, autor anónimo para o gran público pero amplamente recoñecido pola crítica poética, irá dando a coñecer o seu labor tanto en revistas como en obras colectivas. En revistas escolares como Yunque, dirixida por Rafael Pato, publica os seus primeiros poemas, entre os anos 1965 e 1966. Publica, entre outros, os poemas Seré tu caracola, Sonetos de la paz e Sonetos a un poeta joven na revista Miña Fala, dirixida por Luís Álvarez Pousa, con que establece unha próxima relación de amizade e de autor. E na revista Vamos os seus dous segundos premios, na modalidade de lingua castelá, gañados nos Xogos Florais dos anos 1968 e 1969, convocados polo Colexio Manuel Peleteiro de Santiago de Compostela para alumnos de ensino medio de Galicia. Posteriormente colabora en Citania e Rañolas, promovidas polo Seminario de Galego do Instituto Otero Pedrayo, e en Bisbarra. En canto a libros colectivos, participa en Sete poetas ourenáns (1992) e Poesía dos aléns (1993), editados polo grupo Dolmen, no dedicado ao historiador Marcos Valcárcel, O valor da xenerosidade (2009), e en Un tempo, un río, un cantar (2010), dedicado ao musicólogo e director da Coral de Ruada e de Vellos Amigos, Manuel de Dios. E con Víctor Campio Pereira, outro amigo e autor de referencia, leva a cabo a selección e edición de Ausencias, soños e rebeldías, compendio da poesía en galego de Xosé Conde, editado en 2012 polo Centro Pen de Galicia.
 
En 1988 aparece o seu primeiro libro, As voces da saudade, Premio Cidade de Ourense ese mesmo ano, no que xa están presentes gran parte dos temas que o definirán: o tempo e a infancia, a súa nenez no mundo rural, certo pesimismo ontolóxico… O rito do regreso, publicado pola Concellería de Cultura da Xunta de Galicia, como é habitual neste autor aparece transcorrido un tempo considerable, no ano 1996. En 2010 a editorial coruñesa Espiral Maior dá a coñecer As luces de noutrora. Xa en 2017 ultima Temporais pasaxeiros, que recolle poemas escritos entre 2011 e 2016. Poesía reunida (1988 – 2017) é un compendio dos tres poemarios, amplamente revisados e actualizados, máis o inédito Temporais pasaxeiros.
 
Claudio Rogríguez Fer acertadamente describe o labor creativo de Edelmiro Vázquez Naval como «descontinuo e pouco pródigo». A súa escasa produción poética contrasta coa súa intensa e fonda riqueza temática: a infancia e o tempo, a fraxilidade de todo proxecto humano, delicados e docísimos tons referidos á amizade e a o amor, o esquecemento e a soidade como ineludible estrutura existencial, o mundo rural, que reiteradamente retoma con dolor polas acolledoras vivencia pasadas, a imprescindible supervivencia na palabra poética e o seu arduo exercicio, pois séntese comprometido co labor creativo, vanse sedimentando e madurando nunha segura calma que brota con todo o seu lirismo e frescura en Temporais pasaxeiros. Ver cómo xorden estes temas e o seu progreso cara a un luminoso fin, velo no seu conxunto como «poesía reunida», comprender a súa traxectoria que é vida, poesía sinxela e pura, foron as intencións deste libro e deste autor, posiblemente silencioso e descoñecido no mundo, si, pero imprescindible na intrahistoria que o seu mesmo modo de camiñar nos ofrece.

 
[ Ourense, xuño de 2017 ]
 
Marco legal | Contactar